luns 25/10/21

Salvemos o Malecón

A xente da contorna de Monforte de Lemos soemos ter na memoria persoal a zona verde do Malecón e a Ponte Vella coma localizacións sentimentais; moito máis quen é da cidade do Cabe.

Cérnese sobre este espazo unha ameaza en forma de nova ponte para o tránsito rodado, unha infraestrutura que supliría o discorrer de vehículos que soporta a ponte tardomedieval, seriamente danada por esta circunstancia. Mais había alternativas de reorganización de tránsito, peonalizando a Ponte Vella, sen recorrer a esta nova e cara ponte que tronce parte da esencia do Malecón monfortino.

Namentres ás cidades se lles esixe transitar cara a modelos de mobilidade sostible, deixar espazo para a vida a pé, cando é obriga colectiva reducir a contaminación provocada polos vehículos con motor de combustibles fósiles, Monforte aposta por continuar sendo un núcleo no que metemos o coche en calquera recanto: e aí está o fondo que debemos mudar. Non só é unha ameaza a nova ponte que destruirá o Malecón, e que valente cidadanía monfortina organizada vai tentar parar, é esencial repensar a mobilidade en Monforte, fomentar o uso da bicicleta que moitas persoas do extrarradio usaban para iren ao centro, reorganizar as zonas de aparcadoiro ou recuperar o río para uso cidadán, resolvendo o enorme problema de deficiente saneamento de augas residuais e creando unha zona pública de baño no Cabe.

Na loita polo Malecón non só se quere frear unha agresión concreta, senón apostar por unha cidade cun futuro sostíbel e de maior calidade de vida; cidade que, ademais, ten valores envexables para axeitala á escala humana do benestar e a saúde: unha morfoloxía sen pendentes, salvo o Monte de San Vicente, un río que a atravesa, unha dimensión non moi grande.

O vindeiro domingo 27 de xuño a Plataforma Salvemos O Malecón convoca unha gran aperta colectiva a este espazo aberto ao río en Monforte e convidan a sumar brazos. Aínda que non poidamos poñelos de xeito físico, entoemos forte “Salvemos O Malecón!”

comentarios