Opinión

SAFando dos coidados

Resulta desolador comprobar que unha das primeiras medidas preventivas ante casos da Covid-19 nun Concello siga sendo reducir drasticamente o Servizo de Axuda no Fogar.

Tivemos medio ano para analizar as graves consecuencias sociais do peche dos centros de día e da redución de servizos no fogar durante o confinamento, tempo abondo para buscar alternativas para garantir a autonomía persoal e a conciliación. Non as hai, agás seguir contando co colchón familiar para fornecer os coidados ás persoas que o precisan, en lugar de ampliar mecanismos de atención á dependencia aínda dramaticamente insuficientes.

Profesionais do Traballo Social insistiron na necesidade de reforzar –non reducir– os servizos de atención de proximidade, tanto no domicilio como en centros de día. En cambio, reducíronse horas e as prestacións esenciais mantidas fixéronse con traballadoras denunciando falta de protocolos e carencia de equipas de protección no máis duro da pandemia. Agora, nin se considera o contaxio da Covid-19 como accidente de traballo nas traballadoras do SAF, do mesmo xeito que rexe para o persoal sanitario.

Temos un servizo de axuda no fogar altamente precarizado, con salarios, condicións laborais e protocolos dispares en cada Concello, en réxime de prestación directa ou privatizada e sen cubrir as horas concedidas ás persoas que o precisan. Nin a propia Fegamp nin a Xunta coñecen o detalle do despregue do servizo no país.

É tempo de reformular todo o sistema de atención á Dependencia ou, por mellor dicir, o sistema que debería garantir o dereito á Autonomía Persoal. O reto pasa ineludiblemente por ampliar o servizo de atención no fogar, o que require investimento potente para facer desta prestación o servizo público esencial que é.

Mais, polo momento, a receita segue a ser: precariedade laboral para as traballadoras, cobertura das necesidades a costa do sobreesforzo das mulleres do contorno da persoa que precisa atención.

Comentarios