Opinión

Revelem codigo fonte

Unha pancarta xigante con este lema –revelem codigo fonte– presidía o asalto bolsonarista ás institucións principais da democracia brasileira, facendo referencia á mentira da fraude electoral lanzada polos seguidores do ex presidente do Brasil. Pouco importan aquí os feitos –o sistema de voto electrónico do país é seguro e leva un cuarto de século funcionando sen problemas–, o que conta é que milleiros de persoas están dispostas a baterse en loita en nome dunha suposta verdade que coñecen e da que están convencidas e que "non contan os medios".

O método é similar ao de todas as ultradereiras do século XXI: fabricar 'bulos' con intencionalidade política que se propagan grazas a un fondo de desconfianza contra as  institucións e o xornalismo, alentando un xeito de "informarse" mediante "memes" e vídeos de consumo rápido vía teléfono intelixente que, por certo, a maioría de asaltantes contra o sistema republicano do Brasil portaban con orgullo para difundir a súa fazaña.

A internacional trumpista aliméntase en todo o globo do descontento polo fracaso do neoliberalismo e as secuelas sociais da crise, presentándose como forzas antisistema, personaxes e partidos que representan as oligarquías máis conservadoras. Nun momento histórico de encrucillada que, tras un enorme aumento das desigualdades sociais anuncia un rexurdir do pensamento socialista, as novas dereitas non dubidan en rematar mesmo cos mínimos democráticos liberais. Á par deste descontento socioeconómico –orixe tamén de fortes movementos de esquerda en todo o mundo– o trumpismo rexeita toda autoridade académica ou moral en favor da verdade que chega vía alertas de móbil.

Tense analizado que os novos partidos de ultradereita son funcionais ao sistema porque empurran todo o taboleiro á dereita, mais creo que hai conciencia xeral no progresismo en deter un movemento que arrasa con todo.

Neste intre histórico, á esquerda mundial tócalle estar con Lula e co pobo brasileiro contra a barbarie.

Comentarios