Opinión

Rebordar o vaso

Quizais xa non había espazo para máis pingas de indignación no vaso de paciencia do persoal sanitario galego mais, se quedaba, o vaso rebordou amplamente estes días cunhas declaracións irresponsábeis do presidente da Xunta. Sen pudor, afondou nunha perigosa liña de acusación contra as e os profesionais da sanidade por, simplemente, ter unha vida coma a de calquera outra persoa e celebrar encontros de Nadal no marco da legalidade.

Dicir que se magoa de que o persoal sanitario non dea exemplo é totalmente infame, cando leva dende hai case dous anos sostendo o sistema, estresado pola falta de investimento, especialmente dende a aplicación dos recortes do investimento público da Xunta dende 2010 – lembremos que Feijóo sempre se gabou de ser avantaxado nestas políticas de “austeridade”-. Eles e elas afrontaron a pandemia nos primeiros tempos sen material de protección suficiente, mesmo foron expedientadas e vilipendiadas por esixilo.

Dende o inicio da pandemia houbo un mecanismo de acusación “popular” terrible que poñía o foco sobre calquera posible comportamento perigoso, tempos nos que até se berraba desde os balcóns a persoas que camiñaban pola rúa, en moitos casos, persoal sanitario de camiño ao traballo. As autoridades democráticas teñen a obriga de frear esta pulsión culpabilizadora e non alentala, como fixo Feijóo.

O persoal sanitario galego leva dous anos esgotado, case a disposición total do Sergas, asumindo o seu traballo e tarefas voluntarias para rematar coa pandemia: teñen dereito, coma calquera outra persoa, a facer ceas no marco dos protocolos autorizados en cada momento pola Xunta, e esta non ten máis que dicir se as normas e protocolos son respectados.

O peor do asunto é que non foi unha equivocación comunicativa, senón un reforzo da súa ideoloxía e práctica política consistente en deteriorar a imaxe da sanidade pública e reforzar o recurso aos sistemas privados. O peor é que vai seguir rebordando o vaso do persoal sanitario.

Comentarios