Opinión

'Querida liberdade!'

Canto ben fai lembrar a Antolín Faraldo e que ben nolo conta Xurxo Martínez González!

Este ano, con motivo do segundo centenario do nacemento de "el primero y el mejor", como deixou escrito Murguía a respecto deste "precursor", Alvarellos e a Deputación da Coruña editan un estudo e antoloxía de textos do betanceiro titulado Querida liberdade.

Malia que podemos andar a nosa xeografía sen topar máis que contadas referencias no rueiro a esta personaxe, sen termos bustos ou un espazo reservado no Panteón de Galegos Ilustres –morreu en Granada e alí foi soterrado en foxa común no 1853–, estamos, en palabras de Martínez, ante quen primeiro "encarnou a idea do autogoberno galego".

Faraldo foi un mozo revolucionario en Santiago, convencido de que o camiño da mocidade é a consecución da liberdade da patria; mozo preocupado polas causas que rodean o suicido, que se enfronta á poderosa igrexa de Santiago por ir máis aló de consideralo un pecado. Un Faraldo que reivindica a "emancipación" da muller –na época na que Juana de Vega acolle e comparte tarefa cos progresistas da Revolución do 46–. Sendo aínda como é un mozo, Faraldo é Secretario e persoa clave da Junta Superior del Gobierno de Galicia. Un Faraldo exiliado e desterrado aínda logo da amnistía implícase en comisións de axuda para os e as afectadas da Gran Fame galega de 1853.

Como sinala o autor, seguimos tendo a falsa crenza de que as ideas da Francia revolucionaria chegaron a Galiza a través da Corte cando por vía marítima viñan libros e "merchandising" da Revolución –mans mariñeiras portando a luz do pensamento crítico aos círculos das elites liberais–. Seguimos vendo o século XIX galego coma apéndice dunha histórica xenérica de España e de Europa sen contar a súa frutífera dinámica interna de pensamento político, filosófico e científico.

Antolín Faraldo, radicalmente demócrata, merece, como sinala Xurxo Martínez, a restitución da súa memoria ao que, sen dúbida, esta obra contribúe.

Comentarios