Opinión

"Que chica guapa!"

Había tempo que non me sucedía; tanto, que case nin me decato. Dixéronme pola rúa: "Que chica tan guapa!".

Debateuse sobre piropos e machismo recentemente e retornou a caricatura reaccionaria sobre o feminismo que reivindica o "dereito" a dicirlles cousas bonitas ás mulleres. Entre iso e o vitimismo que considera equiparar piropos con violencia machista hai un treito que penso que xa percorremos como sociedade. Os piropos foron desaparecendo porque, efectivamente, son machistas e rancios e supoñen unha intromisión no espazo persoal, e o acoso na rúa –non simples piropos– xa foi castigado ultimamente e agora tipifícase. A sociedade evoluciona como as persoas: é diferente que che berren pola rúa de adolescente que na corentena.

Mais con determinados debates tírase sobre as mulleres unha pátina de infantilización, coma se só nos puidésemos ler como vítimas e fósemos consideradas permanentes menores de idade. Véxoo tamén na tendencia uniformizadora que equipara diferenza de idade nas relacións afectivo-sexuais con diferenza de poder, como se as mozas maiores de idade pero novas non tivesen xuízo para relacionarse con outras adultas. Igualmente, chegou o debate sobre a prohibición da pornografía, mais que exista unha industria explotadora e que presenta as mulleres como obxecto e películas totalmente inadecuadas para ser visionadas por menores non se resolve coa proscrición de todo o porno para persoas adultas.

Creo que non fai favor algún ao feminismo equiparar mulleres adultas con adolescentes ou nenas: somos adultas para interromper o embarazo, ter relacións sexuais e afectivas con quen sexa, mirar pornografía ou afrontar estupideces pola rúa.

Vitimizar e uniformizar tamén minimiza o drama que supón que adultos se aproveiten da inmadurez das menores. As mulleres non somos un ente uniforme que enfrontamos igual as distintas situacións da vida. E dígoo eu que, cal adolescente, non fun quen de reaccionar a un piropo con un: "Que che fixen eu, ghelipollas!".

Comentarios