Opinión

Punto sen retorno

Cando a Corte Suprema dos Estados Unidos, de maioría conservadora, herdanza do trumpismo, derroga a sentenza coñecida como Roe contra Wade abre a porta a que os estados que o desexen poidan instaurar leis restritivas do dereito ao aborto, pois dende 1973 garantía o dereito á interrupción do embarazo amparado constitucionalmente polo dereito á privacidade.

Así, nos USA haberá "estados santuario" onde as mulleres de estados que persigan (mesmo con moitos anos de cadea) o aborto vaian abortar, situación análoga á Polonia, cunha prohibición case total do aborto, en canto a UE é garantista deste dereito.

Vemos, pois, unha reacción conservadora longamente preparada que pretende restablecer o concepto sagrado da maternidade e unha tutela sobre as mulleres. Porque o dereito á libre decisión sobre o propio corpo non vai da preservación da vida –a evidencia científica e a realidade sociolóxica dos estados que legalizan o aborto desmínteno– senón de control. Vai de que, no fondo, hai elites que consideran que o retorno a unha suposta "orde" no mundo require unha muller en minoría de idade. Un control que non se deterá nos corpos das mulleres: irá a por todo o que ameace esa "orde".

A relixión é un dos factores a ter en conta na expansión da onda reaccionaria que amordaza os corpos das mulleres: a nivel mundial, os estados máis restritivos no dereito ao aborto son aqueles onde as distintas relixións teñen meirande influencia sobre os aparatos estatais. Mesmo o Vaticano, que presentou o actual papado como guía do progresismo e o humanismo nun mundo en crise, non é quen de superar a visión moralista ao cuestionar que interromper o embarazo sexa un "dereito individual".

Pois que saiban todos que a revolución da última onda feminista é tan potente –en todo o mundo– que facer retroceder dereitos á metade da humanidade non vai ser sinxelo nin exento de violencias: non hai punto de retorno cando quen foi –aínda é– humillada ten conciencia da súa dignidade.

Comentarios