Opinión

Prudencia, responsabilidade e respecto

A decisión da Xunta de manter a recomendación de uso da máscara no ámbito escolar susténtase –segundo o Conselleiro de Educación– en "prudencia, responsabilidade e respecto".

Por iso, coa publicación no BOE da fin da obrigatoriedade das máscaras salvo en centros sanitarios, sociosanitarios e medios de transporte, a Xunta publica un documento explicativo da norma –non fose ser que o complexísimo Real Decreto xerase confusión– que inclúe a recomendación de seguir usando máscara no interior dos centros educativos.

Sustenta esta decisión en datos que son argumentos a favor de poder relaxar as restricións nas aulas, pois Galiza é a comunidade autónoma con maior porcentaxe de poboación infantil vacinada. Recalcar a recomendación falando de "respecto", atribúe unha "falta de respecto" a quen optamos por retirar a máscara ás nosas fillas; falar de "responsabilidade" e "prudencia", achaca ao Goberno central "irresponsabilidade" e "imprudencia", que é o que máis interesa á Xunta e ao PP de Feijóo.

Volvendo ao respecto, unha vez a norma xeral pasa a ser o uso voluntario da máscara, hai que, precisamente, respectar a decisión de cada quen: nin apupar a quen decide seguila usando –cada quen sabe das súas circunstancias e vulnerabilidade– nin estigmatizar a quen non a leva.

O que non é xusto é que, na situación sanitaria actual, se exerza presión dende a Administración á poboación infantil e adolescente, que levan dous anos moi duros, con aumento de trastornos de saúde mental (un 47% máis).

Infancia e adolescencia foron duramente tratadas e estigmatizadas, polo que a retirada da máscara debeu ser unha prioridade hai tempo nestes grupos de idade, tal e como indicou a Asociación Española de Pediatría, sinalando que o uso de máscara na infancia non é elemento determinante na redución da transmisión.

"Prudencia, responsabilidade e respecto" sería aumentar a cobertura de pediatría, reducir as rateos nas aulas ou garantir recursos de atención á saúde mental na adolescencia, señor Conselleiro.

Comentarios