Opinión

Protexer con condena?

O debate sobre a Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual ten moitos matices que, lamentablemente, se perderon nun clima mediático e político condicionado, por unha parte, polo ataque feroz dende todos os ámbitos da dereita ao Goberno, en xeral, e ao Ministerio de Igualdade, en particular, faga o que faga –ante o que só cabe a solidariedade– e, por outra, por un encastelamento entre sectores da esquerda en posicións que entenden a crítica como ataque.

Non teño os coñecementos como para valorar a "calidade" ou non da lei, pero si sei que o ocorrido coa revisión dalgunhas condenas non debeu propiciar tanto alboroto e, moito menos, os erros comunicativos dun Ministerio que, precisamente por estar tan acosado, debera ser máis cauto.

Un dos eixos do debate, dende hai anos, é a cuestión de se protexer as vítimas de violencia sexual é sinónimo de ampliar penas. De feito, pese a eses casos de revisión de penas, a norma, no seu conxunto, é máis dura que o marco anterior. Parte do feminismo –ao meu ver, tristemente–, puxo o acento no punitivismo como solución a problemas estruturais que, mesmo dende o eido estritamente xudicial, precisan unha abordaxe "integral" (cuestión que a lei si contempla, por outra parte).

Deste xeito, como xa resaltara Xuíces e Xuízas para a Democracia, cómpre por o acento na dureza do proceso xudicial e a necesidade de "consolidar prácticas e rutinas que eviten a vitimización secundaria", a persistencia de estereotipos machistas ou a falta de recursos da Xustiza, alén de que, como está demostrado, máis pena non significa menor taxa de delitos.

E, por riba, neste clima enrarecido, mesmo se chegan a cuestionar principios básicos do Dereito nunha sociedade democrática como o dereito á defensa ou mesmo o dereito á presunción de inocencia, cuestións que, non só non protexen ás mulleres, senón que nos desprotexen ante o totalitarismo á sociedade no seu conxunto.

Comentarios