Opinión

No profundo aborrecemento

Que si, que a expresión “Galiza profunda” no auto dun xulgado marbellí é inaceptable como argumento xurídico e ten unha vontade de estigmatizar case sempre que se utiliza, mais que a indignación de aluvión xerada viralmente por un xornal se converta até en resolución parlamentaria de rexeitamento é significativo do funcional que tal rebumbio é ao poder autonómico imperante.

Canalizar sentimentos de autoafirmación nacional a través de elementos que non cuestionan a raíz dos problemas ten un afán desmobilizador político –como ten sinalado Helena Miguélez-Carballeira a respecto da idea da Galiza sentimental –, ou, máis ben, mobilizador cara ao mantemento do status quo da Galiza autonómica “centrada” e con “sentidiño”, “riquiña” e española, pero que saca os dentes cando se meten co acento galego nun programa da TV ou colateralmente en procedementos sobre custodia de menores –tema que merece a máis alta sensibilidade e prudencia–.

Esa Galiza indignada polas afrontas menores que concita case unanimidade, sentimento fomentado polos media e polo propio presidente da Xunta para ocultar, oh paradoxo!, o feito real de sermos un dos países de Europa con maior nivel de mobilizacións laborais e conflitos sociais.

Somos unha sociedade tan sometida a ataques en forma de falta de emprego e da súa calidade, desorde territorial, desigualdade de acceso aos servizos ou falta de cobertura social para as necesidades xeradas por un sobreavellentamento provocado por décadas de políticas neoliberais que  quen manexa os temas que o van petar ao longo de cada semana entendeu que unha dose de orgullo da “Galiza profunda” con escasas oportunidades laborais e sen servizos públicos equiparables ás zonas urbanas do país pode servir para continuar canalizando a indignación cara a lugares amables.

Indignémonos pois, mais contra quen provoca que profundemos nesta precariedade.

Comentarios