Opinión

Por que Feijóo?

Preguntaba esta semana Juan José Millás sobre a chave do éxito de Feijóo na Galiza e recibiu múltiples respostas nas que abondaron as típicas reflexións sobre a inevitabilidade da vitoria do PP, presente a quen presente, ou á manipulación mediática, sen excluír mensaxes raianas no racismo que consideran o noso País coma unha cultura exótica –á que se asocian as características de "subdesenvolvemento" e tópicos deitados sobre os pobos non europeos–.

O certo é que parte da oposición ao PP sempre asumiu a análise de que este gaña porque a xente non o coñece ben, froito da manipulación e da "ignorancia" que, inconscientemente, se atribúe, por defecto, ao pobo galego.

A miña non é unha análise sociolóxica ben fundamentada, só as reflexións collidas da experiencia de vivir nunha contorna que maioritariamente vota o PP en todas as citas electorais. As causas véxoas complexas e non reducibles, en absoluto, ao dominio do poder económico –que tamén– ou á manipulación mediática. Ademais das explicacións históricas de como chegamos até aquí e as análises sobre o feble papel do PSOE galego, eu diría que na Galiza gaña Feijóo (e o PP) por múltiples factores que se resumen nunha identificación co País máis ampla que os outros partidos, por saber ler as aspiracións da cidadanía e canalizar as mesmas, aínda que sexa cinicamente; por ter presenza na maioría do tecido social, dende asociacións veciñais a clubs deportivos, de practicamente todas as parroquias e barrios; porque existe un colchón familiar potente que amorteza (xunto coa saída migratoria) os efectos máis duros das crises económicas.

En todo caso, penso que non lle gañaremos até que non mudemos maioritariamente a actitude ante as eleccións: se a maioría do País se sente ben co PP entón o principal para mudar as cousas non é criticar o mal feito –que tamén– senón expor un programa de esperanza cara algo "mellor", unha "nova Galicia" –lemas presentes nas campañas nacionalistas de 1997 e 2020, por certo–.

Comentarios