Opinión

Política da hiperventilación

O clima político estatal da última década semella unha sucesión de momentos históricos, de eleccións cruciais e, mesmo, cada semana, de votacións transcendentes e definitivas.

A convalidación no Congreso do Decreto da "reforma laboral" estaba presidida por ese sino, presentada coma "non hai alternativa". Ou isto ou o caos.

Demasiada hiperventilación nos argumentos levou a tratar á cidadanía coma idiota.

PSOE e Podemos poderían ter contado o evidente: renunciaron a avanzar na senda da derrogación da lexislación laboral do PP para manter o pacto da CEOE e sindicatos de ámbito estatal e cumprir coa axenda de reformas de Bruxelas; asumiron "non tocar unha coma" no Congreso, renunciar á política e evitar o debate sobre os aspectos concretos mellorables en negociación con outros partidos de esquerda ou co PNV; preferiron ocultar a exclusión de CIG e sindicalismo vasco para ter un "acordo social" sen discrepancias.
Ben mellor sería telo explicado en lugar de lanzar diatribas contra quen non apoiou a reforma ou facer o ridículo indicando que non se querían os votos de Ciudadanos sen, en contrapartida, ofrecer avances para que puidesen obterse outros apoios do "bloque da investidura".

Convalidado o Decreto da reforma, cómpre saír da hiperventilación: nin toda a xente que a apoia é por seguidismo do Goberno ─hai quen cre que mellorará a súa situación laboral─ nin PSOE e UP poden dicir que o "bloque da investidura" deu o "non polo non". Entre os argumentos en contra está a vontade de non consolidar un marco contra o que o sindicalismo leva unha década en confrontación; non frear un proceso de acumulación de forzas que está na propia orixe do Goberno de coalición.
Cómpre asumir que nesta última década hiperventilada se foron perfilando dúas grandes opcións de estabilidade política, os números dan para o que dan: ou gran coalición PP-PSOE ou pacto plurinacional progresista. Ou agardar e ver, mais pode haber terceira opción: que a onda PP-VOX chegue a 176 escanos.

Comentarios