Opinión

PCR sen resposta

Logo de ter vivido dende dentro un gromo de Covid-19 na gardería do meu fillo podo identificar varios problemas en relación ao seguimento dos contactos de positivos.

Por unha parte, sufrimos unha situación excepcional a respecto doutros contaxios en centros de atención á infancia: o caso do PAI de Sober non foi comunicado á Central de

Seguimento de Contactos e pasamos a non existir como gromo. Isto é: os positivos foron dados de alta como un caso máis, individual –e non todos-, e os que tiveran PCR negativa desapareceron dos rexistros. 

Unha vez que nos decatamos as familias de que nin nos chamaban para rastrexo e que non nos ían chamar para facer a segunda proba, contactamos con distintos departamentos de Sanidade, recibindo distintas instrucións: uns dixéronnos que aos negativos non se facía PCR, outros que fora un erro e que nos chamarían –así se fixo, a seguir– e as de rastrexo descoñecían aínda a día 13 de febreiro (o gromo comezara o día 1) que os casos que estaban seguindo pertencían a un centro educativo, que aínda non figuraba no listado.

Falando con casos doutros centros vimos que é recorrente non chamar para dar o resultado da PCR cando é negativo e evitar facer unha segunda. Esta práctica, no noso caso, significaría que asintomáticos seguirían infectando, pois a segunda PCR fíxose até dous días antes de rematar o período de corentena. Ao final, os positivos duplicáronse e a incidencia no Concello é elevadísima.

Séntese impotencia ao facer todo ben pero ter que andar buscando a vida cada quen como pode para o resultado da PCR ou para facer a segunda ou para que che dean de alta o positivo. Profesorado, alumnado e profesionais da Sanidade están facendo o seu traballo: a Administración ten a obriga de ser eficiente na organización. Nunha pandemia non vale nin o silencio administrativo nin a desorganización cos datos nin a relaxación dos protocolos; e non temos por que estar as “mamás del bebé tal” batallando para esixir o cumprimento dos mesmos.

Comentarios