domingo 28/11/21

Polas nosas vidas

Dende hai un tempo divido as persoas entre as que non sinten ameazado o seu ser cunha eventual incorporación da ultradereita ao Goberno do Estado e as que consideramos que o ascenso destas posicións, nalgún grao, nos custa a vida.

Samuel, asasinado na Coruña tras insultos homófobos, ou Isaac, o mozo con Asperger acoitelado, son vidas cercenadas nun contexto de lexitimación institucional do discurdo do odio.

Empeñada certa esquerda tradicionalista en que o importante é nada máis que as condicións materiais de vida, esquece que as diversidades representadas por trans, maricas ou discapacitadas son ameazadas, precisamente, na súa propia existencia material polas políticas da neodereita; que canto máis alonxada a persoa da condición de home-branco-heterosexual máis precariedade material padecemos e máis posibilidades de agresións por ser quen somos.

A bandeira da diversidade, así, é un baluarte contra a ultradereita, non unha trampa ou unha distracción da loita pola liberación da clase traballadora.

Non só son as rebelións contra as condicións materiais as que provocan procesos de cambio social, é tamén a autoidentificación cunha idea, a revolta contra unha opresión non sempre física, a convicción fonda de ter dereito á liberdade. Así se acadaron dereitos femininos coma o da interrupción voluntaria do embarazo, perseverando pese ás voces de esquerda que – aínda hai pouco – consideraban esta unha batalla que polarizaba a sociedade, distraéndoa da contradición principal. A esquerda organizada das nacións sen estado, como a nosa, soemos entendelo mellor.

A ultradereita agazapada á conquista do poder institucional preocúpanos máis a quen veríamos limitado pola vía dos feitos – e, seguramente, tamén, con modificacións legais - o dereito ao aborto, á eutanasia, o cambio de sexo rexistral, a liberdade de amar en público sen temor a agresións…

Por iso, sabemos que a confrontación co neoconservadurismo é unha pelexa polas nosas vidas, polas de tantos Samuel e Isaac.

Polas nosas vidas
comentarios