Opinión

Pacto de Estado

S ucedeu o pasado sábado en Sober: un acto enmarcado no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero concibido para autoconcienciarse sobre as estruturas patriarcais da sociedade a través das vivencias propias. Seis mulleres contaron a súa historia de vida nunhas entrevistas dirixidas a reflexionar sobre os atrancos atopados na súa traxectoria relacionados co feito de ser mulleres. Foi un programa moi ben formulado para achegar o feminismo a todas as capas sociais, mesmo a ambientes refractarios a el, e foino, rotundamente, grazas a que o coordinou unha profesional da Educación Social. Isto leva a dúas reflexións.

Unha, o Pacto de Estado contra as violencias machistas debe ser considerado esencial por parte dos municipios e non mero trámite para xustificar as transferencias; e é unha proba de lume para comprobar onde se sitúan as forzas políticas. É unha boa nova que concellos do PP asuman sen medias tintas un discurso antimachista; asemade, en Galiza hai acordos parlamentares unánimes pioneiros a nivel de Estado en políticas de Igualdade, pero isto debe ir acompañado dunha ruptura total coa ultradereita que, de momento, o PP non vai asumir.

Segunda, o papel da Educación Social no camiño cara a unha sociedade xusta debe ser potenciado, como profesión adicada á intervención educativa en educación cívica e política que busca o desenvolvemento e formación integral da persoa, así como a transformación social. Así, os concellos e centros sociosanitarios deberían contar de xeito xeral con esta categoría profesional para impulsar programas no eido da Educación Familiar, apoio a persoas coidadoras ou accións específicas de concienciación contra o machismo, como as celebradas cos fondos do Pacto de Estado. Esencial tamén incluír estas profesionais nas equipas de centros educativos para erradicar o machismo.

Programas como o de "Nosoutras", coordinado en Sober por Selene Arias e a equipa de Servizos Sociais do Concello, márcannos o camiño. Ogallá non sermos unha illa

Comentarios