mércores 27/10/21

Os 11-S

Curiosa coincidencia que en 11 de setembro sucederan feitos que marcan cal fitos o devir histórico da humanidade, mesmo delimitando épocas, como sucede entre o bombardeo do Palacio de la Moneda e o ataque contra as Torres Xemelgas nos Estados Unidos.

O golpe de estado no Chile de 1973 confirma o cariz político do neoliberalismo, enmarcado na crise do petróleo e na desvalorización do dólar: no mundo baixo a órbita do Pentágono non se permitirían vías ao socialismo. En nome da liberdade de mercado suprímense as liberdades políticas se cómpre e imponse a desregularización e a eliminación da intervención do Estado na economía, o que en Chile, contrariamente ao asentado mito do milagre económico, supuxo unha década de gran desemprego e desigualdade, alén das máis de 3.000 persoas mortas e desaparecidas.

A falaz idea do “There is no alternative” de Thatcher, asentada coa caída do mundo soviético, remata simbolicamente no outro 11-S de impacto global: o corazón dos Estados Unidos é obxecto dun brutal ataque terrorista que inicia a era do islamismo con vontade globalista e da guerra contra o terror afastada de calquera premisa do Dereito internacional.

Vinte anos despois, cun 11-S que case se converte no día de anuncio do novo goberno talibán en Afganistán, consolidouse un mundo pandémico multipolar que desbotou a doutrina ultraliberal máis ortodoxa na propia Norteamérica, sen, non obstante, aínda, “alternativa”.

Hai outros 11-S, coma o catalán do 1714, data da fin da resistencia de Barcelona contra as tropas borbónicas, día marcado urbanisticamente na cidade, convertida en praza ocupada militarmente, con cicatrices visibles hoxe en día.

En cambio, as cicatrices dun 11-S galego son máis sutís: ese día de 1936 unha partida falanxista asasinou a Manuel Díaz González, médico do Incio, en Eirexalba. Apenas ficaban marcas que o lembrasen ata que familia e veciñanza, 75 anos despois, colocaron un monólito no lugar onde cada 11 de setembro recibía flores anónimas “O Pequeniño”.

comentarios