Opinión

Orgullo de comedor

A miña filla come cada día de curso no mesmo comedor no que comín eu tantos anos, un comedor escolar de xestión pública directa –como o son só o 41,5% dos comedores escolares do ensino público non universitario, segundo a propia Consellería de Educación– con cociña propia que, dende hai case medio século xa, cobre un servizo público complementario no Ensino.

As nenas e nenos de Sober dinnos na casa que as nosas lentellas "non saben tan ben como as de M.", a cociñeira que tan esmeradamente lles prepara os menús, porque ademais de sano, cómese rico, xa dende os tempos do afamado Don Juan, que xunto co primeiro director do centro ("o Director"), José Manuel, puxeron en marcha un comedor que chegou a alimentar a cincocentas persoas, abastecéndose de produto da zona e chegando, nos inicios, a facer matanza propia.

Se as familias de rancio abolengo que manteñen patrimonio herdado a conta da suor de xeracións explotadas se gaban das súas coleccións artísticas, a xente traballadora de Sober ben podemos encher o peito por conservar o noso comedor, que nutriu por igual a quen tivera máis ou menos posibles na casa. Que se manteña e amplíe un servizo igualador –hai que pagar segundo a renda, pero é gratuíto para a maioría– que, ademais, pode cumprir un papel esencial de dinamización do sector primario das comarcas galegas do interior e na mellora da educación en saúde da infancia debera ser obxectivo irrenunciable e unha vitoria da clase traballadora.

Na semana en que se produciron fitos históricos en materia de transplantes que salvan vidas de nenos e nenas na Sanidade pública, reivindiquemos o orgullo de hospitais, de comedores, de servizos públicos en xeral, para que non nolos rouben, para melloralos, para defender con orgullo que as nosas fillas poidan seguir usando dignamente as mesmas instalacións educativas ou sanitarias nas que medramos nós. Que herdanza mellor ca esa para quen non temos fortunas: defender o público como legado común.

Comentarios