Opinión

O que perdemos

Nin fixo un ano da declaración de pandemia e semella que pasaron séculos. Non só o tempo semella vasto pola magnitude dos cambios vividos, senón tamén por este existir en compás de espera, sen os eventos cíclicos que acoutan a existencia.

Quen diría que botariamos en falta mesmo aquilo que nos esgotaba! Perder a ocasión de xuntarse ao redor dunha boa cea no Nadal ou non podermos ter tomado ese trago na sesión vermú da festa da parroquia pode semellar banal, mais, como dicía o famoso epitafio de época romana “os baños, o viño, o amor machucan os nosos corpos, mais son o que fan a vida”. Nin sequera puidemos despedir a quen morreu co rito social que máis nos calmara o corazón.

Neste mundo privilexiado, no que viviamos en paz –a conta doutros escenarios en guerra– perdémola pola pandemia, pero tamén pola incerteza ante o escenario económico de precariedade e, sobre todo, a crise climática que nos empeñamos en botar cal patada cara adiante.

Nesta encrucillada, a humanidade podería afondar nos logros que, obxectivamente, acadou en 2020, como o desenvolvemento de vacinas eficaces en tempo récord grazas ao investimento en investigación, mais o sistema teima en rexenerarse e seguir sacando proveito das vidas das máis, usando o teletraballo non para mellorar as condicións laborais e reducir a pegada ecolóxica, senón para aforrar custos de produción a conta das traballadoras ou aproveitando o recorte da Atención Primaria para a proliferación de seguros sanitarios privados.

Sentaremos nas opíparas mesas, quen poida, agardando a fin do ano da peste con esperanza, mais tamén coa dor de estarmos atrapadas neste raro escenario no que nin sequera sabemos ben como responder colectivamente. 

E, namentres agardamos por recuperar o que perdemos, brindemos esta noite por, canto menos, non perder o que somos. Bo Nadal!

Comentarios