Opinión

O pobo indignado

Hai unha década do 15-M, dez anos de turbulencias políticas, pero tamén de reflexión sobre o seu significado e potencialidades. Porque o movemento da indignación suscitou xa na orixe debates filosóficos ao tempo que a onda de impugnación do sistema se ía, á vez, estendendo e sendo neutralizada.

O pobo indignado é o título dun conxunto de mini ensaios editado por Laiovento a finais do ano 2011, unha análise por e dende a Galiza, que sinala elementos dese magma contestario aínda non resoltos e, polo tanto, susceptibles de seguir abanando o panorama político e social. Porque as principais demandas do 15-M non están resoltas, nomeadamente a brutal desigualdade, a precariedade xuvenil, unha fiscalidade inxusta ou o poder da bancocracia.

O 15-M provocou mudanzas no Estado construído sobre o consenso de 1978 –cambio xeracional, superación do bipartidismo clásico, asunción de cultura política de participación, comunicación mediática máis directa, mudanzas legais e inicio de reversión dos recortes, desgraciadamente, moi insuficientes–, ao tempo que se evidenciaron as oportunidades e límites da canalización institucional do descontento.

Non me parecen realistas as análises que subestiman a relevancia do 15-M aténdose ao periplo caótico das construcións políticas que se reflexaron nel, pois o espírito da "indignación" continúa, malia todo: nas propias mudanzas operadas nos partidos e sindicatos, nun mapa político hípercomplexo, no xurdir de novos medios de comunicación ou no modelo de loitas sociais concretas que prosperan sen necesidade de seren dirixidas por partidos ou sindicatos.

O pobo continúa indignado porque o pobo continúa desposuído. Estes dez anos serviron de aprendizaxe en canto a perder a inocencia e o adanismo á hora de reivindicar dereitos, pero o descontento e inestabilidade política e institucional continúan, agora axitadas pola pandemia e as dúbidas acerca da recuperación e do destino dos fondos europeos. Haberá maio ou será sempre inverno? Depende de nós.

Comentarios