Opinión

A nosa vulnerabilidade

A pandemia trouxo ás nosas vidas a conciencia da vulnerabilidade como individuos ante un novo axente infeccioso, pero tamén a necesidade –como sinala Slavoj Zizek en Pandemia– de solucións colectivas para rematar co virus; a obriga de mudar a orde social e económica que depreda o planeta e de pór os recursos para unha saída en común, e non apenas un sálvese quen poida.

Mais estamos no momento en que renxen os costuróns do sistema, xa tensionados, e non hai garantía de que camiñemos cara a xustiza social. Avecíñanse tempos duros para a maioría que, individualmente, imos sendo conscientes da nosa vulnerabilidade, non só ante o virus, senón ante un mundo que mantén férreas desigualdades.

Na vulnerabilidade que se sinte no día a día, sen conciencia de sermos ou non unha porcentaxe en risco de pobreza. A vulnerabilidade de non conseguir rápida consulta presencial na Atención Primaria para saber dunha persistente dor abdominal (e será malo, doutora?), o dichoso maquinillo automático do Sergas que non deixa pedir cita para vacinas, o atraso nas probas para ver se o cancro que padeciches continúa sen reaparecer, os problemas de deixar a boca sen revisar, que as consultas privadas de dentistas restrinxen visitas e o Sergas non ten persoal suficiente nin atende todas as situacións, e a cita é por teléfono (será co dichoso maquinillo?). A tensión dos 37,5º que te separan da asistencia ao colexio ou dunha estadía do fillo na casa que, sen posibilidade de teletraballo, non sabes como resolver. O stress constante da enfermeira que continúa quedando pola noite con demasiados pacientes no hospital ou maiores a cargo nunha residencia. A vulnerabilidade, en fin, de quen sostivo a vida durante o groso da pandemia e que, a diferencia da gran banca, non foi rescatada con fondos públicos.

A vulnerabilidade de sentírmonos iguais e desprotexidas ante un virus e ante quen domina o mundo e o amor inmenso que nos leva a dicir somos máis e temos futuro, miserables señores dos cartos.

Comentarios