Opinión

Non podo máis

Éa expresión máis repetida polo persoal sanitario: "Non podo máis!". Non só se sobrecargan co inicio da terceira vaga da pandemia, senón que acumulan o impacto de case un ano de batalla en primeira liña sen que mudara, substancialmente, a situación material e laboral da Sanidade pública.

Pensemos que non só afrontan carga de traballo con medios insuficientes, senón que tamén sofren, coma nós, o medo ao contaxio, a visión cotiá da morte, a limitación de descansos ou vacacións e a desesperación por non ver final. Xunto a carga física, fráguase xa un grave impacto na saúde mental das e dos profesionais sanitarios.

Pasamos dos aplausos a que nos importaran un pito as advertencias de enfermeiros ou médicas que, como na primeira e segunda ola, detectan o desastre con bastantes días de antelación. Que plan de reforzo da Sanidade pública aplicou o Goberno da Xunta? Que alternativas e alivios para os e as profesionais esgotadas?

Mires onde mires en quen se adica á Sanidade, domina unha sensación entre fastío, cabreo e indolencia: por que seguimos igual un ano despois? En Atención Primaria, sobrecargadas con interminables mañás de consultas; en planta con pacientes Covid, alarmadas pola gravidade de persoas mesmo sen patoloxías previas; as doutras unidades hospitalarias, vendo as consecuencias dos atrasos en tratamentos e do menor diagnóstico de enfermidades coma o cancro.

Sexa como sexa, un desastre social ao que, paradoxalmente, cada vez hai máis sensación de que afrontamos cal sálvese quen poida. A pandemia entorpece os mecanismos de organización e resposta colectiva, mais non podemos deixarnos arrasar pola apelación ás responsabilidades individuais unicamente –sen desculpar as actitudes e comportamentos incívicos–: a este colapso sanitario que pode semellarse, ou mesmo superar, o da primeira onda chegouse por decisións políticas, ou por falta delas, e será o persoal sociosanitario quen aperte os dentes e salve a situación. Que non se esqueza.

Comentarios