Opinión

Nenos do mar

Si, eu tamén vin “o vídeo”: unha muller desesperada nunha lancha no medio do mar porque perdeu o seu bebé nas augas. Pero non son quen de difundilo, non me dá para un click: seméllame que sobardou o límite entre o deber de informar e a pornografía visual. A dor desgarradora dunha nai – non atopo o seu nome, só que é a “nai de Joshep” –  como obxecto de consumo.

Acepto que é necesario difundir. A imaxe obriga a recoñecer a realidade, e é digno de mención que, con respecto ao drama das migracións do Mediterráneo, hai excelente e respectuoso traballo de fotógrafos profesionais galegos, que obrigan a mirar, e non só ver, pero “o vídeo” seméllame outra cousa.

Cando unha secuencia así se viraliza, cando unha foto coma a do neno Aylan afogado na praia se nos presentan á hora do almorzo, é como se se banalizaran as vidas dos seus protagonistas, un produto de consumo máis, a dose de película que pasar namentres papamos nos chocapics.

A cuestión é que a morte de Yusuf (iso pon na súa tumba) foi un produto de consumo, igual que os ollos de Bangaly, que perdeu á súa nai para sempre: viralizar a súa foto calma as conciencias de europeas en paz. Ser un produto de consumo afecta máis a quen vén doutro lugar e ten a pel diferente, pero esta semana tamén o pai de Xavi, a vítima de tres anos dos atentados das Ramblas, relatou no xuízo que a súa outra filla lembra –seguramente, con dor, para toda a vida– como namentras intentaban reanimar ao seu irmán, que fixo pis por el, criatura, a xente lle tomaba vídeos e fotos.

“Comemos imaxes” con voracidade, como ten sinalado Santiago Alba Rico, e iso non garante que aumente a nosa compaixón. Co carrusel incesante das imaxes sen nome seguimos afogando –en sentido literal e figurado– as súas vidas en tópicos, esquecendo que teñen aspiracións semellantes ás nosas; como as do adolescente –como se chamaba?–  que afogou co seu boletín de notas cosidas á roupa.

Non teñen nome porque morren no mar ou morren no mar porque non teñen nome?

Comentarios