Opinión

Nas súas mans

Situámonos ano e medio antes da caída de Kabul en mans dos talibáns logo da retirada estadounidense acompañando a Zarifa Ghafari, alcaldesa de Maidan Shahr entre 2018 e 2021, dende os seus vinte e seis anos. É o punto de partida do documental In her hands, que acompaña á política ata a toma de control de Afganistán polos talibáns en agosto de 2021, o seu posterior exilio e a súa viaxe momentánea ao país, onde impulsa proxectos de cooperación.

Cunha fotografía magnífica de tan fascinantes paisaxes, Tamana Ayazi e Marcel Mettelsiefen van acompañando a Zarifa no seu día a día no goberno, amosando as tendencias de fondo que presenta Afganistán: a desigualdade social e o contraste, en nivel de vida e en canto ás liberdades das mulleres, entre as cidades e o mundo rural, onde os líderes talibán alentaban un sentimento de antigoberno forxado co abandono institucional e a percepción da corrupción xeneralizada.

Zarifa é unha moza de gran determinación nas súas conviccións –especialmente, a educación feminina– e unha hábil política que manexa a comunicación con mestría, alén dunha valente persoa que foi quen de sobrepoñerse a ameazas constantes de morte e que sobreviviu a atentados.

O filme presenta como a retirada estadounidense e o avance talibán vai aumentando a preocupación entre as mulleres: nas conversas entre Zarifa e as súas amigas unha delas sinala medio en chanza que terá que casar cun talibán ou, quizais, saltar polo buraco do ascensor e matarse, para non ter que vivir pechada na casa. Tamén destacan os sentimentos do chofer oficial da alcaldesa: un mozo que busca vivir en paz e teme unha nova invasión; defende a Zarifa e as súas ideas, mais contemporiza cos talibán –"son os meus curmáns, veciños..."– e entende que ou o mata o Goberno ou o matan eles. E amósanse sen filtros as opinións talibán, que consideran, sen dúbidas, a Zarifa unha "inmoral" por "mandar nos homes".

Un documental magnífico para comprender o escenario afgán actual e as tendencias de futuro.

Comentarios