Opinión

Na inquietante vida

Valle inquietante é unha crónica novelada sobre a estadía laboral de Anne Wiener –unha moza traballadora no mundo editorial– en varias startups tecnolóxicas de Sillicon Valley logo da crise de 2008.

Consegue trasladar, con gran lucidez, o ambiente dun mundo construído por rapaces de vinte e poucos anos obsesionados por facerse millonarios.

Así, asistimos ao ambiente machista patente en toda a estrutura do "ecosistema" –como pomposamente se autodefine este–, ao proceso de degradación urbana provocado polas plataformas de alugueiro de cuartos ou de viaxes en coche. En fin, asistimos ás peripecias dentro do turbocapitalismo con capital risco e burbullas tecnolóxicas, un mundo onde se pulverizan os límites entre vida persoal e traballo, coa liquidez das relacións laborais; un mundo onde a xestión dos metadatos da cidadanía e o seu uso comercial está plenamente aceptado. E, de fondo, o ascenso de Donald Trump.

Semella afastado, mais esta é a base de (algunhas, non todas) as industrias que son das máis potentes do mundo, con vontade de definir os sistemas sociais do futuro –mesmo fantasean con cidades construídas por elas mesmas, coas súas leis–; a base das empresas que definen as aplicacións que temos no teléfono e que condicionan gran parte do noso día a día: aventuras empresariais cuxa obsesión é medrar.

As sturtups están en auxe en Europa coa pandemia e non é un problema, ao contrario, a cuestión é se debemos depender tanto da innovación tecnolóxica deste tipo de "ecosistema"; a cuestión é combater as súas derivas máis "inquietantes": a organización sindical –aí está a loita contra os falsos autónomos, tan propios destas novas empresas–, as normas legais –como a regulación do teletraballo–, saír da dependencia dixital persoal.

O Goberno de España aprobou hai pouco un proxecto de lei para regular estas empresas: o Anteproxecto de Lei do Ecosistema das Empresas Emerxentes. Continúa o debate.

Comentarios