Opinión

Movemento Baron Noir

A conta da decisión de Iglesias de saír do Goberno de España e presentarse como candidato á Presidencia da CAM, o xornalista Pedro Vallín, que adiantou a nova, cualificou a operación de “movemento Baron Noir”, facendo referencia a unha exitosa serie.

A xogada foi audaz e inesperada, mudando o taboleiro político madrileño –ergo, o estatal, cada vez máis centralizado, para a nosa desgraza–, pero a ficción francesa é máis ca un compendio de xogadas tácticas máis ou menos brillantes, pois enmarca con gran precisión os movementos de fondo que sacoden a política francesa (e europea) na última década: influencia crecente das redes sociais, descrédito das cúpulas políticas tradicionais, corrupción que financia campañas electorais, o debate das identidades ou a dureza da reconversión industrial e das esixencias financeiras de Bruxelas, alén do crecemento do ecoloxismo e a auxe da ultradereita que abraza a bandeira da soberanía.

O protagonista, Philippe Rickwaert, é un político con poucos escrúpulos de procedencia obreira que mantén un escano socialista polo distrito de Dunkerque aínda coa oposición da dirección parisiense da súa propia forza política. Sabe moverse no complexo mundo do minuto ao minuto que impón a media, marcando o compás con imaxinación e audacia, pero o máis interesante é como a serie reflexa que isto ha de combinalo cunha sólida base territorial, en parte caciquil, coa relación próxima aos sindicatos e un fiel e implicado tecido militante. Preséntase a personaxe coma un mestre na comprensión da psicoloxía humana e convencido de que as clases non desapareceron, manexando o antielitismo que impregna a sociedade e dirixindo este contra o partido de centro dereita ou contra a cúpula do propio partido socialista. O guión amosa con claridade a tensión entre as clases medias e altas dos aparatos partidarios e a base social popular, ameazada pola elite financeira europea. 

A política “non é unha serie”, pero as boas series poden ensinarnos moito sobre ela.

Comentarios