domingo 28/11/21

Millo e campanarios

Nas tardes calorosas de xullo identifico unha Galiza folclorizada da cor verdegrís de milleirais e espadanas de igrexas. Non dista moito de calquera visión estereotipada do país promovida polo departamento de Turismo franquista ou polas institucións da nacente Autonomía: vacas, choiva, relevo suave. Coma calquera cliché, colle elementos reais, exaltados en función do relato a construír e o futuro desexado para o pobo galego: brando e compracente no caso das postais de vacas e traxes rexionais; aguerrido e fero como o “valeroso clan” na visión pondaliana; dignidade na humildade na fotografía de Ksado. As posibilidades de xeración de símbolos identitarios son infinitas e nin teñen que ser reducidas á racionalización nin exentas de crítica sociocultural. Eu, cando vai calor, vexo un país de marés de millo e campanarios.

E “véxoo” mesmo cando non os hai: imaxino o vizoso inzar da planta americana polas terras galegas dende finais do século XVII e o florecemento granítico barroco en cada recanto. É unha imaxe non exacta, pois a estrutura de cultivos non foi uniforme en todas as comarcas nin a erección de campanarios pétreos nas parroquias rurais se limitou ao século XVIII, mais, coma toda imaxe mental, ten un fondo verdadeiro: o cambio que na economía e sociedade galegas produciu a expansión do millo, co crecemento demográfico, o establecemento dunha economía asentada na produción de cereais e a redución do pastoreo e o viñedo.

Descoñezo se millo e campanarios son para alguén símbolos nacionais; unha mazaroca é o logo da Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes e o Barroco foi analizado como arquitectura de reafirmación do Reino de Galiza por Alfredo Vigo. Na actualidade, Galiza é a principal produtora de millo forraxeiro, para a produción intensiva de leite, e a Compostela barroca un elemento fundamental das políticas turísticas. Para min, o simbolismo patriótico é máis subxectivo: millo, campanarios e palcos da festa son o que lembro dos veráns da infancia. 

Millo e campanarios
comentarios