Opinión

Na maternidade precaria

Maternidades precarias é o título dun ensaio de Diana Oliver que analiza diversos aspectos da maternidade no mundo actual, dende a perspectiva que dá selo cunhas "circunstancias" de traballo precario, sen vivenda estable nin apoio familiar. Se es nai "proletaria", quizais non concordes con todas as súas reflexións, mais sentiraste identificada nunha presa delas.

Cada vez integramos máis o debate sobre o coidado -quen coida e como se resolven os coidados que as persoas precisamos nas distintas etapas da vida- mais dista moito aínda para resolver a ecuación sen cargar o peso deles no traballo non remunerado das mulleres, maioritarias no coidado de persoas dependentes e na atención á infancia. Se non hai corresponsabilidade total, se o desenvolvemento das funcións de protección do estado de benestar non dá chegado, se o mundo laboral é precario e desregulado sufrirán todas as persoas e retrocederán dereitos as mulleres, como se comprobou coa pandemia.

Ser nai pobre significa ser máis pobre, un freo na carreira laboral ou empeoramento do benestar mental, por iso é inseparable a reflexión sobre a maternidade a respecto das condicións sociolaborais das mulleres. Na Galiza, as proclamas natalistas e as leis retrógradas do PP sobre a maternidade -segue vixente a lei galega que dende 2010 supón o acceso de redes antiabortistas a mulleres embarazadas vulnerables ou financiamento público para estas asociacións- ou o "impulso demográfico" esquecen que para que as mulleres poidamos ter a descendencia que queremos ter e non volvernos tolas no intento é esencial a estabilidade económica e redes públicas de coidados.

No entanto, senón pomos remedio, camiñamos a un mundo de mistificación da maternidade e afondamento das desigualdades sociais que pretende facernos tornar ás mulleres a un rol tradicional, precarias na maternidade e nas posibilidades de exercer de cidadás.

Comentarios