Opinión

Máscaras con clase

O inicio da pandemia puxo en evidencia o deterioro industrial da maioría de estados europeos, incapaces de activar a produción de máscaras e dependendo de difíciles importacións da China naquel momento de demanda disparada.

Semella que pasaran séculos, pero hai menos dun ano que escaseaba até a equipa de protección individual máis básica para persoal sociosanitario de primeira liña. Daquela, as autoridades sanitarias nin sequera recomendaban ningún tipo de máscara á poboación. Certo que, no inicio, aínda non se tiña evidencia clara de como se espallaba o virus, pero rematouse por saber que non se prescribira o uso masivo de máscaras para evitar o desabastecemento entre profesionais, cuestión que, ao principio, nin sequera se logrou.

Agora que a subministración está garantida, os problemas de protección cos “bozos” teñen que ver co tipo de uso, pero, sobre todo, coa renda dispoñíbel.

Sendo un complemento obrigado a máscara, debérase garantir un mínimo de acceso das mesmas a toda a poboación. Non chega coas tres ou catro dispensadas nas Farmacias ás persoas maiores nin coas axudas para a poboación escolar de familias con menos ingresos. De feito, nos colexios detéctanse casos de reutilización de máscaras máis do recomendábel. Non chega, aínda que axuda, coa baixado do IVE nin coa inspección laboral actual sobre a facilitación de protección ás e aos traballadores por parte das empresas.

Agora que se confirma a maior transmisibilidade das novas cepas do virus que circulan por Europa, comeza a recomendarse o uso das máscaras FFP2 –máis caras- en interiores e cada vez máis xente as leva para facer a compra ou ao Centro de Saúde. Cómpre, pois, aumentar a difusión sobre as recomendacións de uso de cada tipo de máscara pero, sobre todo, facilitar o acceso a un arsenal básico das mesmas para toda a cidadanía. Do contrario, haberá quen poderá ter “máscaras con clase”, até de marca, e quen as terá como “marca de clase”, apañándose coas que sexa quen de mercar ese mes.

Comentarios