Opinión

Madalenas dos Minions

A hiperconectividade provoca que poida estar case ao tempo partillando con colegas sisudos artigos sobre a confrontación da crise climática e fotografías de como quedaron as madalenas do aniversario de Estela, unha mestura industrial á que só había que engadir ovo e leite e colocar figuras dos Minions por riba. 

Supoño que esta sensación de falta de tempo para abarcar a complexidade da esfera do pensamento sobre a confluencia de crises globais simultáneas ten que ver fundamentalmente coa miña condición de nai precaria, mais supoño que é parte do momento esta sensación de velocidade que impide pararse a reflexionar, esta falta de espazos de debate sosegado afastados de actitudes inamobibles. 

Xa pasou coa guerra en Ucraína, que non motivara asembleas populares plurais –ao xeito do sucedido coa guerra de Iraq–, e que expulsa do debate público os matices e reflexións afastadas de dogmatismo. Agora é quenda de debate sobre os tempos, xeitos e alternativas da crise social e climática; debates sobre o papel do Estado, os límites da transición enerxética ou o papel da propia Política, como demostrou un artigo de Clemente Álvarez sobre o discurso do colapso, isto é, sobre a idea de que é inevitable o total colapso da civilización actual –con distintos matices e graos–. 

Resúltame abafante a cantidade e fondura do debate, mais o que partillaba por mensaxería instantánea –ao tempo que as fotografías da desfeita das madalenas pseudocaseiras– era un fío de twitter do antropólogo Emilio Santiago, pois concordo con que hai un discurso 'colapsista' que entende como inevitable a descomposición social e que implica posicións inoperantes politicamente, por canto atribúen de xeito automático un determinado devir social, como se as sociedades humanas se guiasen por ríxidas leis físicas. 

Confío na marxe para construír alternativas dende a esfera do político, que ha de contar tamén coas voces das que facemos madalenas dos Minions tan pésimas que remataron non lixo.

Comentarios