Opinión

Machismo e TVG

Ademais do convite ao programa Land Rober da TVG a un mozo que quería “sorprender” e “pedir perdón” á súa ex parella, sen que ela, que estaba asistindo como público ao plató, o soubera, levamos anos de menosprezo por parte da CRTVG aos protocolos e códigos deontolóxicos para o tratamento informativo da violencia contra as mulleres na canle pública. É máis: que se chegara a emitir este programa amosa que non hai protocolos de control no tocante á produción externalizada.

O ente público de comunicación ten recomendacións para o tratamento dos casos de violencia machista, un documento elaborado no 2015, máis dunha década despois da Declaración de Compostela (2004), que fora un compromiso saído do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para unha axeitada cobertura da violencia machista nos medios, que contribuíra á prevención e ao rexeitamento social da mesma.

Mais, á altura de 2021, na TVG volven saltar as súas propias consideracións, pois preferiuse emitir un programa previamente gravado no que unha moza foi sometida a tensión emocional e optouse polo morbo fronte o interese social. Todo pola audiencia e a polémica: se sinceramente se considera que houbo un erro, debeuse desbotar a emisión totalmente e non só da parte na que o mozo chega a entrar en plató, segundo denuncia o Comité Intercentros.

Mais: que agardar da TVG, cando en 2019, no triplo crime de Valga optou polo modelo Tele 5? Daquela, chegouse a promover, até o acoso, a recollida de testemuños próximos ao agresor e vítimas, contrariando as propias recomendacións, e isto nos programas de informativos da TVG, non por parte de ningunha produtora subcontratada.

Tampouco se libraron de tratamento espectáculo algunhas das pezas sobre o asasinato de Diana Quer nin a TVG tivo reparo cos chistes sexistas ou en pasear pola súa grella ao señor ao que collera declaracións – oh, grandísimo interese informativo! - por caer borracho nun pilón da auga logo de vir dun prostíbulo.

Cómpren máis que desculpas.

Comentarios