Opinión

Liquidación da paisaxe

O Plan de Acción da Paisaxe Ribeira Sacra que presentou a Xunta vai de acondicionar lugares dende os que ver o río para subir fotos a Instagram. Selfies e propaganda, ese é o modelo que nos toca ás comarcas vitícolas do Sil e do Miño, tal como denuncia o colectivo Interior Galego Vivo.

O Plan de Protección da Paisaxe é, como se pode comprobar na súa exposición pública, o deseño de dous roteiros "panorámicos" en coche a carón de Miño e Sil, que contempla a reordenación de sinalizacións nalgúns puntos e a plantación da impresionante cantidade de oito árbores.

Semella tomadura de pelo, mais o denominado "pacto pola paisaxe" da Ribeira Sacra – que, ademais de a Patrimonio Mundial, aspira a ser Reserva da Biosfera - ten unha dotación de medio millón de euros e este "plan de acción da paisaxe" non propón melloras sobre os peores impactos detectados na zona, senón que fomenta un modelo turístico de mobilidade en automóbil que entende o territorio coma unha "marca" (sic) territorial de consumo rápido. 

Non é un plan de protección, senón un plan de promoción turística da paisaxe: cero estudo serio dos impactos existentes, cero solucións reais e case cero orzamento, con só 11.200 € para as actuacións de "revexetación, restauración ecolóxica, limpeza e conservación". Así, nada se pode agardar en canto a erradicación de eucaliptos e outras especies invasoras, control de plantacións en Rede Natura ou protección de fauna e flora fluviais e, xa non digamos, aspirar a unha rexeneración de ribeiras. Total, que só dá para plantar 8 árbores (literalmente), retirar algunha maleza e reordenar colectores do lixo. Unha broma de pésimo gusto que se completa coa identificación das granxas como elementos que "cortan as siluetas da paisaxe", namentres os aeroxeradores dos parques eólicos da contorna non reciben mención.

A paisaxe para consumo turístico en coche e produción de enerxía sen as comunidades locais. Mellor que poñan un letreiro grande, "panorámico", que diga: "en liquidación".

Comentarios