Opinión

Libros de texto

Setembro é para as familias con crianzas en idade escolar unha "xincana" de gastos que, por moi previstos que estivesen, este ano desbordan, por mor da inflación.

Os libros de texto son o capítulo máis importante do gasto escolar e varían en función do centro e do curso.

Este ano, ademais, coa entrada en vigor da Lomloe, hai menos libros que se poden reutilizar.

Lembremos que a Xunta do PP cambiou o sistema universal de préstamo de libros de texto pola chamada "gratuidade solidaria", que supuxo un recorte para as familias e, por riba, un aumento de gasto para a Administración a respecto do sistema anterior.

A orde que regula a participación no "fondo solidario de libros de texto" e as axudas para adquirilos establece que, nos cursos que poden acceder a libros en préstamo, vanse adxudicando en función da renda até que se esgotan e, logo, o centro adquirirá os libros que precise o alumnado de menor renda, recibindo da Xunta un máximo de 35 € por libro en Primaria. No caso dos dous primeiros cursos de Primaria e Educación Especial, a axuda dáse directamente ás familias para adquirir os libros: 210 € para rendas per cápita igual ou inferior a 6.000 €, 140 para menos de 10.000 € e 275 € en Educación Especial.

No caso de ter dereito a que o centro adquira os libros o prezo de custo é case igual ou mesmo superior a eses 35 € que a Xunta paga, aínda que a maioría estean por baixo desa cifra pero, en moitos casos, non o suficiente como para incluír porcentaxe razoable de ganancia de distribución e librarías. Nos cursos con bono, non chega a cubrir o custo dos libros.

O bono máximo de 210 € nun curso con, entre caderniños e libros, 15 exemplares, sairía a 14 € de media por libro, o que nin cubriría a media dos custos de produción, tendo que desembolsar por libros cincuenta ou cen euros por alumna, mesmo con dereito ao bono por ser renda baixa. Volver a un sistema no que no Ensino público as familias teñan garantido o acceso universal aos libros de texto é de xustiza.

Comentarios