Opinión

Lexislar a demografía

Aprobouse a chamada lei de impulso demográfico cun fondo de pensamento máxico e moita jeta: pretender que un texto lexislativo mude tendencias estruturais sen tocar as causas que as provocan. 

Xa sen entrar no fondo da cuestión: que a lei está atravesada por unha ideoloxía natalista reaccionaria –acompañada do reforzo do rol da muller como nai– que, como ben analiza Isidro Dubert en A morte de Galicia, evita pór o foco nos factores de emigración de poboación en idade fértil e vincula fecundidade con importancia política dun país.

Atopámonos ante declaracións de intencións disfrazadas de texto lexislativo que nada mudarán as condicións de vida da cidadanía. Xeneralidades, todas; concrecións, poucas: creación da Comisión e Observatorio de Dinamización Demográfica, aumento de informes e indicadores sobre demografía, algunhas medidas de conciliación para o persoal da Administración, espazos de lactancia en edificios públicos e, oh marabilla!, a creación do selo para establecementos “amigables coas familias e a infancia” e a reserva de prazas de aparcamento para familias. En cambio, carece de detalle nas políticas estruturais, como sería a pelexa a nivel estatal pola ampliación dos permisos de maternidade e paternidade mínimo até seis meses, a universalización do acceso gratuíto ao ensino 0-3 anos, con prazas públicas, para quen o precise, e comprometer orzamento para políticas de emprego, vivenda pública e erradicación da pobreza.

Para ter un texto “Mr. Wonderful” sen prazos para o desenvolvemento normativo (“poderase” crear un fondo destinado ao equilibrio demográfico territorial, só se establecen prazos para o plan de apoio a familias monoparentais) nin memoria económica, era mellor facer un power point que gastar tempo nun proceso lexislativo. Porque, ademais, o que ten que asegurar unha Administración son as condicións materiais que permitan ás mulleres ter a descendencia que desexemos, e non “fomentar” (ou facer que se fomenta) que teñamos máis.

Comentarios