venres 18/06/21

Labores da casa

As mulleres fomos dolorosamente conscientes, dende o inicio da pandemia, que seríamos as máis prexudicadas, tanto porque xa ocupabamos os empregos peor remunerados, como que o aumento da carga de coidados de menores e dependentes, ao pechar servizos públicos, ía recaer en nós.

Non collen por sorpresa os datos achegados pola CIG no informe sobre a situación sociolaboral das mulleres galegas: aumentan a xa alta temporalidade e as xornadas a tempo parcial e o 77% do emprego destruído foi feminino. Ademais, en lugar de medrar o número de paradas, as mulleres pasamos a estar “inactivas”, das cales, 10.200 por dedicarse aos “labores da casa”. Na actualidade, case 180.000 mulleres estamos nese epígrafe, fronte a 32.000 homes.

Por iso, no 8 de marzo, o feminismo non vai deter as mobilizacións. Fronte os debates emponzoñados con óptica dos medios madrileños, sobre se manifestacións si ou non –logo de que se tivera manifestado até o negacionismo–, o feminismo galego leva tempo organizando a presenza no Día Internacional da Muller, sen convocatoria nacional, con actos descentralizados e axeitados á situación sanitaria e poboacional deste país noso, alén de haber folga convocada: de coidados, de consumo, laboral, estudantil.

Intentarán amedrentarnos, pero xa estamos fartas de cargar no lombo que a economía non colapse (máis) co noso traballo invisibilizado e gratuíto. Por iso, en 2021, o lema será “sen coidados non hai vida”, para lembrar que a crise da Covid non fixo máis que resaltar a importancia da organización do traballo que sostén as vidas.

Non queremos máis mulleres renunciando a soños, elixindo entre ser “científica ou nai”, engrosando as estatísticas de aumento dos trastornos mentais, quedando de últimas das últimas, como as caixeiras do súper, teleoperadoras ou traballadoras de axuda no fogar, relegadas aínda dos dereitos laborais plenos as traballadoras domésticas.

Como din “Galegas 8M”: “os problemas das mulleres non van quedar confinados tras as portas.” 

comentarios