Opinión

Ilha das flores

Ilha das flores é un documental brasileiro de Jorge Furtado que, a través da historia dun tomate, dende a súa plantación ao vertedoiro onde remata, é toda unha alegoría do capitalismo.

En apenas doce minutos perfila a arquitectura dun sistema económico e social que non produce o número de tomates necesario para alimentar as persoas, senón aquel que garante o lucro.

Cun mordaz humor negro, o filme consigue denunciar –hai trinta anos–, dende un punto de vista global e humanista, a situación límite da biosfera e as desigualdades sociais, amosando como a explotación do Planeta vai unida á das persoas e á inxustiza, nun mundo onde "todas as cousas vivas e non vivas que hai sobre a face da Terra poden ser cambiadas por diñeiro".

Agora no Nadal faise evidente a esaxerada diferenza entre as necesidades –non só as estritamente vitais, tamén as de cultura– e a produción de bens. Ninguén debería banalizar a importancia da pulsión humana por querer crear beleza mesmo a través do lucerío de nadal, mais non é preciso competir entre concellos polo número de leds acendidas ou a cantidade de trangallada nos escaparates. 

No documental brasileiro, amósase o lugar onde se desbota o lixo de Porto Alegre: a Illa da Flores, que forma parte do Bairro Arquipélago. Na Ilha das Flores críanse porcos separados por valados de familias enteiras que malviven do lixo, aproveitando o que non serve para a cría dos marraus.

Así, a Ilha das Flores constitúese como unha brutal metáfora do funcionamento global, alén de ser unha directa denuncia do envés do desenvolvemento urbano brasileiro.

A vixencia do filme é, por desgraza total: mentres o mundo rico lidera a xeración de residuos plásticos, países en desenvolvemento recíbenos como unha mercadoría máis. Na Galiza, Ilha das flores non temos, mais Sogama apenas recicla o 15% do recibido (5% segundo as contas do Goberno Central) porque aquí o lixo quéimase para producir a electricidade desas bombillas que non nos deixan ver as estrelas.

Comentarios