Opinión

Había unha foto

Hai tempo, na época dos indultos aos políticos independentistas cataláns, unha foto ilustraba á perfección o ecosistema “democrático” español: Manuel Marchena, presidente da Sala do Penal do Tribunal Supremo, semellaba amoestar con dureza a Meritxel Batet, presidenta do Congreso –ergo, terceira autoridade do Estado–, desde unha posición de superioridade non só física, senón co que semellaba unha suficiencia coñecida entre determinadas personaxes das altas institucións, esa mirada coa convicción de que os asuntos “serios” non son para intrusos, que xa está ben de deixar xogar a rastas e a indepes á pelota da gobernabilidade do Estado. 

É o que teñen as instantáneas: unha expresión pode interpretarse segundo a mirada de cada quen. Para min, esa foto ben podería representar perfectamente o que vén de producirse ao redor da acta do deputado Alberto Rodríguez.

Sen entrar a valorar a sentenza que o condena a inhabilitación para o sufraxio pasivo e a pena de cárcere substituída por sanción económica, o feito relevante é como o Poder Lexislativo, máis ben, a súa presidenta, de xeito unilateral, cambia o criterio inicial da Mesa de manter a acta de deputado de Rodríguez tras un oficio remitido a última hora polo Tribunal Supremo, mesmo tendo un informe –ou documento de traballo– dos letrados da Cámara favorable a que se mantivera na acta.

A cuestión que se ve de fondo, nesa pota a ferver aos poucos que é o sistema político e institucional español, son movementos do “estado profundo” para centrar o PSOE e preparar un escenario no que se evite a dependencia nas votacións relevantes do Congreso dos votos de independentistas e das partes máis progresistas da esquerda estatal –relevante aquí o feito de que o deputado afectado abandonara Podemos–. Só cabe a solidariedade e a reflexión sobre o escenario futuro dun –moi difícil, por outra parte– rexurdir dos pactos de 1978.

Comentarios