Opinión

Golpismo indisimulado

Chéganme dúas mostras de golpismo indisimulado, de aberto desafío contra as institucións por "ilexitimidade" do Goberno Sánchez; chegan por vías diferentes e aparentemente antagónicas, mais abondan nun clima asentado nos últimos anos segundo o cal o Estado está en perigo e as forzas profundas que "verdadeiramente" representan os seus intereses se mobilizan para sacar da súa dirección política a quen non se considera "digno" de tal cometido, custar o que custar.

O primeiro que escoito é un audio deses que corre desbocado vía mensaxería instantánea nos circuítos habituais nos que aparecen, indistintamente, dende machiruladas até postais de boas noites e bulos de "okupacións". Trátase dun "manifesto para Defender la Democracia" que fala de que o propio Goberno está dando un "autogolpe" de Estado.

O segundo que leo son novas sobre un "ensaio" de catedráticos do eido do Dereito, conservadores, titulado España. Democracia menguante, onde abondan na idea do "problema de lexitimidade política" na que Pedro Sánchez mesmo "suplanta" o papel do Rei como Xefe de Estado.

A raíz é a mesma: a consideración de que un Goberno participado por xentes da esquerda do PSOE e apoiado por independentistas non é democrático.
Non é novo o panorama, sae dun clima de bloqueo de institucións do poder xudicial, de uso do Tribunal Constitucional para paralizar a tramitación dunha lei, de ameazas ao único deputado de Teruel Existe por apoiar a investidura, de demonización e persecución xudicial a forzas políticas.

O resultado electoral das vindeiras xerais ten probabilidades de presentarse cunha maioría plural da esquerda e o nacionalismo, pese a que o partido máis votado poida ser o PP. Nese escenario, que a prensa apurará a vender como "victoria de Feijóo", o pacto –lexítimo e necesario– da maioría plural do Congreso será visto perversamente como "ilexítimo". Ata que punto a situación pode levar a escenarios de cuestionamento do resultado electoral e conatos de golpe de estado? 

Comentarios