Opinión

Galegas en marzo

Na semana do 8 de marzo –e non só– cabe reflexionar sobre a situación das mulleres galegas, de todas, na pluralidade e diversidade que sempre caracterizou á clase traballadora, tamén á parte feminina.

O ano pasado, a poboación feminina galega eramos case o 52% do conxunto demográfico, pero, tendo en conta o tramo de máis de 85 anos, as mulleres representan o 70% da poboación de máis idade. Isto sitúanos nunha das vulnerabilidades máis perentorias das mulleres: vivimos máis pero con peor saúde e con moito menor nivel de ingresos. En 2021, a pensión media galega era de 14.498 € –inferior á media estatal–, pero a das mulleres era 2.079 € menor, un 15% menos. Deste xeito, o risco de pobreza na ancianidade é máis elevado nas mulleres, estando as pensións de viuvez (maioritariamente femininas) nun 67,8% por baixo do limiar da pobreza.

A esta situación chégase por anos de desigualdade no emprego entre homes e mulleres.

No ano 2021 a diferenza de salario entre o que cobraban de media os homes galegos e as mulleres era de 4.238 €, un 18,5% menos. Esta diferenza salarial reduciuse moi levemente nos últimos anos, mais continúa en niveis inaceptables, froito de seguir ocupando empregos máis precarios –os considerados tradicionalmente femininos, malia a súa dureza, non se valoran– e tendo menores xornadas e complementos salariais, porque as mulleres seguimos ocupándonos maioritariamente do coidado de menores e dependentes.

Na semana do 8 de marzo hai que reivindicar a mellora das vidas das máis, as traballadoras no fogar, moitas migrantes, as mulleres do sector agrario –que soportan a fenda salarial de xénero máis elevada–, as dependentas das tendas de Inditex que conseguiron coa súa loita elevar os seus míseros e discriminatorios salarios, as mulleres trans, totalmente discriminadas a nivel laboral, as nosas avoas do interior galego que, logo dunha vida de duro traballo, fan malabares para chegar a fin de mes. A todas, bo e combativo 8 de marzo.

Comentarios