Opinión

Fusilar millóns

Unha das características do fascismo histórico foi a vontade de “purificación” moral, de acadar un corpo social “rexenerado”, liberando o pobo de influencias externas “decadentes”. O Estado español foi exemplo descarnado da aplicación práctica desta premisa verbalizada por Mola –“eliminar sin escrúpulos ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros"–, nunha lóxica do exterminio que presidiu a represión máis dura do Franquismo e impregnou toda a acción do Estado até os derradeiros fusilamentos do 75. Na mente da España sublevada había que extirpar “el gen rojo” para recuperar a grandeza perdida da Patria.

Os militares retirados do chat famoso sinalan que, nesta hora, xa tampouco en España chega con “culturizar” esa “gente ingobernable”, porque a situación actual esixiría “extirpar” o cancro.

O problema non é que estes tipos non entenderan que esbardallar en grupos de What’sApp é difícil que quede no ámbito privado; o problema é que a actitude amosada é sintomática dunhas elites herdeiras dunha Transición que non depurou responsabilidades polos crimes de lesa humanidade cometidos dende 1936. Como nunca se pediron seriamente contas polo xenocidio franquista, hai quen cre que será perpetua a impunidade. É máis, conservadores e fascistas, e algún “constitucionalista” autodenominado de esquerda, viven coa fantasía de volver a un escenario “de orde”, onde os “comunistas, proetarras e maricóns” non interveñan nos asuntos de Estado.
As bravuconadas do chat de militares non son unha anécdota, son parte da reacción do aparato de poder ante a pulsión de modernizar e democratizar o Estado –se é iso posible– e mesmo a “ameaza” de se configurar outra relación política entre os seus pobos e tombar a Monarquía. 

Dá medo porque se incardina na tradición que suxeita a construción do Estado español. Dá risa porque só amosa a debilidade e covardía ante esa “España blandita” de quen tan machote se sente que o ameazamos “26 millones de hijos de puta”.

Comentarios