venres 18/06/21

Fin de ano

Chega fin de ano e, conforme a nosa condición de seres atravesados polo xeito cíclico de pasar o tempo, apuntamos, quen máis quen menos, os bos propósitos para unha nova volta da Terra ao redor do Sol. Que se vas rillar menos aperitivos de barquillo con chocolate, coller o hábito de andar unha hora ao día ou estudar sobre educación emocional para aprender a abordar que os nenos se portan “mal” (igual coma nenos). Todo cun fondo de moralina que nos culpabiliza por perder os nervios de cando en vez ou non coidar da nosa saúde seguindo as pautas que sabemos que funcionan. 

Está ben intentar semellarnos á nosa imaxe de persoa boa, mais sen obsesionarse por unha perfección estereotipada. Estamos no medio dunha pandemia de dimensións extraordinarias que desconcerta e preocupa as científicas máis experimentadas e que evidenciou a inopia de gran parte de autoridades con poder e mecanismos para actuar: non vén mal darnos un pouco de tregua e, mantendo as normas sanitarias que debemos respectar para rematar con isto, non erixirnos en mártires ou policías.

Vivimos nun sistema que dá prioridade ao lucro duns poucos sobre a vida das máis, e iso é o que, basicamente, nos enferma. Estamos nun momento de incerteza: non es peor por non ter ganas de pasar o tempo libre fóra do sofá ou por gastar as tardes do domingo comendo pipas na aira falando (a distancia) coas veciñas.

Non pasa nada por ter medo do futuro nin por dicir boutades no Twitter sen reflexionar: precisamos entender e respectar a condición humana para poder sentármonos con calma a deseñar o futuro en común. O PP volveunos gañar nunhas Autonómicas e é unha boa foda pero, neste recanto occidental de Europa hai que saber encaixar os éxitos –o nacionalismo foi segunda forza electoral– e as derrotas e avanzar. No político, para 2021 pido ás Apalpadoras un espazo de reflexión e actuación da esquerda galega para vencer o PP e transformar o país; no persoal, que gocemos da vida sen mancarnos, que non é pouco.

comentarios