Opinión

Férula de descarga

O bruxismo –actividade muscular mastigatoria durante o sono– está moi relacionado co estrés e a ansiedade; un trastorno que provoca dor e desgaste dental e do que cómpre tratar tanto os efectos coma as causas.

Os tratamentos inclúen a fisioterapia e as férulas de descarga, non incluídos na carteira de servizos da Sanidade Pública. No caso da fisioterapia, na Galiza, até este ano 2022 non estaba incluída na carta de Atención Primaria e só as e os pacientes podían ser derivados dende a médica de cabeceira ou un profesional cara a rehabilitación hospitalaria. Veremos como evoluciona a recente medida de posibilidade de xestión directa da poboación de cita con Fisioterapia no Sergas, mais parte da carencia estrutural de profesionais no sistema público e das listas de agarda. De todos os xeitos, eu non teño nin idea de como se pide cita directamente, se é que o sistema xa está implantado.

En saúde bucodental, o Goberno central puxo en marcha un plan de ampliación de coberturas histórico, mais de alcance limitado. Trátase de equiparar a carteira de servizos en todo o Estado incluíndo menores de 14 anos, mulleres embarazadas, persoas discapacitadas e pacientes en proceso oncolóxico cervicofacial, colectivos xa dentro do programa de saúde bucodental do Sergas en Atención Primaria. Cal é o problema? Coma sempre, a necesidade de máis profesionais. Asemade, múltiples tratamentos seguen excluídos e supoñen un duro mazazo ás economías das persoas que máis o precisamos. A min a férula de descarga vaime custar 250 euros no mes que vén e supoño que quen máis padecemos bruxismo somos quen menos podemos pagar o seu tratamento e previr as súas causas.

Investir realmente na extensión universal da saúde bucodental para toda a poboación é do máis igualador e progresista que podería facer o Goberno central. No documental Sicko, sobre o sistema sanitario estadounidense, a un heroe do 11-S mudáballe a vida ir a Cuba recibir unha férula de descarga que nos Estados Unidos non podía pagar.

Comentarios