Opinión

Fame

Un dos efectos da guerra na Ucraína é a inseguridade alimentaria global. Mais, é esta a súa (única) causa?

Os conflitos son o principal factor que, segundo a FAO (Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura) "empurrou a 139 millóns de persoas á inseguridade alimentaria aguda, fronte a uns 99 millóns rexistrados en 2020", unidos aos fenómenos meteorolóxicos extremos e ás perturbacións económicas asociadas á Covid-19. A esta "fame aguda" hai que sumar as persoas afectadas de "fame crónica": segundo a FAO, a "prevalencia da subalimentación aumentou do 8,4% en 2019 a cerca do 9,9% en 2020, o que supón entre 720 e 811 millóns de persoas".

A guerra fai medrar a fame, si, mais existen elementos estruturais de inestabilidade do mercado, especulación con bens básicos, concentración de capital en macroempresas agroalimentarias e "fraxilidade dos sistemas alimentarios" globalizados, incluída a carencia de sistemas de agricultura a pequena escala que permitan dar "respostas humanitarias de primeira liña", ademais da crise climática.

No libro El Hambre (2015), Martín Caparrós explica de xeito diáfano como funciona o mercado de futuros dos cereais e outros produtos agroalimentarios e como dende 1991 a "comida" se converteu nun obxecto principal de especulación. Esta obra é unha mestura entre ensaio e crónica xornalística que nos achega ás realidades da fame, da xente que sofre subalimentación nos distintos continentes, a pé de rúa, conversando coas persoas cuxa vida é a carreira por sumar calorías coas que pasar un día máis.

Así pois, a escalada de prezos de materias primas responde máis á especulación que ao desabastecemento. Si que preocupa a colleita do ano que vén, non só polas consecuencias da guerra, senón polo efecto das elevadísimas temperaturas rexistradas e pola escaseza de fertilizantes, mais non podemos obviar que, entre as causas das fames, actual e futura, está un modelo de civilización que permite negociar co que dá sustento á vida humana.

Comentarios