Opinión

Estamos mellor no rural na crise do coronavirus?

Coa crise do coronavirus deuse por sentado unha visión idílica do rural galego segundo a cal vivimos mellor o confinamento por ter horta e provisións da matanza, así como por estar acostumadas a non ver a moita xente de xeito habitual. Parafraseando o saber popular que mal estou e que pouco me queixo!

Ao que estamos acostumadas no rural é a non ter o nivel axeitado de descentralización dos servizos públicos esenciais e a un proceso histórico de fomento da concentración da poboación nas áreas metropolitanas costeiras, desmantelamento das redes de transporte colectivo e de mercadorías interiores, ruína planificada do sector agrogandeiro e aposta pola concentración da produción fronte ao modelo de pequenas explotacións e ao cooperativismo, e un longo etcétera que teñen como resultado o que define Xosé Constenla como “colapso territorial”, unha deformación ou simplificación do sistema agrario tradicional que esfarela non apenas identidades, mais tamén as bases da soberanía alimentar e ameaza un futuro digno para o interior galego, sustentado nun rural vivo con produtoras e produtores.

Certamente, a dispersión poboacional do rural galego – fenómeno histórico de longo percorrido – favorece que non se disemine tan axiña a infección da COVID-19, con focos localizados en lugares onde os positivos, xeralmente, comezaron por persoas desprazadas para pasar a crise na “aldea”, entre outros lugares, de Madrid, mais tamén comezando xa a rexistrar casos de transmisión “autóctona” en áreas como Chantada ou Monforte (falando das nosas zonas).

Tamén é certo que no rural se adoita ter aira e espazo en torno á casa onde poder saír, pero estamos sometidas ao mesmo réxime de confinamento que nas cidades, pese a que en moitos lugares poderiamos dar paseos de quilómetros ao aire libre sen atopar a ninguén. Decretar normas sen ter en conta as particularidades do interior galego, tamén en temos de crise; normas urbanas que tratan igual áreas con millóns de habitantes que aldeas onde non fica case ninguén... ou ninguén. Só así se entende o peche dos mercados de proximidade, mentres se manteñen as grandes superficies abertas –mesmo no caso galego a Xunta autoriza a apertura 24h contravindo o que fan outros territorios como Portugal– ou a prohibición de que “agricultores aficionados” (o que cómpre ouvir nestes tempos) traballen as fincas a máis de 500 metros do seu fogar. Mais si poden ir por leña a máis desa distancia, permítese a caza en certas condicións ou pódense desprazar quilómetros até un supermercado. Certamente, cun mínimo de sentar cos sectores agrogandeiros e escoitar a concellos do rural poderían terse adaptado as normas á nosa realidade, sen redución algunha da protección da seguridade sanitaria, que temos ben claro que é o esencial.

Por outra parte, no “rural”, no rururbano, ou nesa nebulosa territorial que conforma o interior galego, a crise do coronavirus non fai máis que evidenciar a crise permanente de abandono que padecemos: unha Atención Primaria precaria e en desmantelamento, uns hospitais comarcais con necesidade de máis persoal, un Servizo de Axuda no Fogar insuficiente ante as grandes necesidades, un modelo de residencias de maiores inadecuado e insuficiente ou unhas telecomunicacións precarias. Non mencionemos a falta de protocolos de actuación claros, as disparidades ou a falta de protección daqueles profesionais que o están dado na primeira liña.

O avellentamento e alta taxa de dependencia do noso rural require un gran investimento en servizos públicos; pola contra, o que temos é unha sanidade cronicamente estresada e un SAF con emprego, esmagadoramente feminino, precarizado, con condicións de emprego e protocolos desiguais segundo os concellos, con asignacións de horas totalmente insuficientes, prazas residenciais da terceira idade insuficientes, concentradas en determinadas zonas e cun modelo de centros grandes, en lugar de miniresidencias e centros de día suficientes perto do fogar e da comunidade de orixe, como o modelo desenvolvido en Manzaneda.

Nesta crise houbo que reorientar o SAF, suspendendo servizos non esenciais, pero cumpriría aumentar o persoal do mesmo porque as necesidades tamén aumentan a nivel de necesidade de facer a compra ou atender a cancelación de citas médicas, algo non sinxelo para as persoas de maiores idades. Tamén foi desesperante a tardanza de material de protección para as traballadoras deste servizo, con concellos onde puideron ter EPIs por provisión anterior e outros que agardaron unha semana á chegada de material, logo de momentos de confusión sobre quen tiña a competencia, se a Xunta ou Goberno Central.

Coa crise do coronavirus, nos concellos pequenos do rural a tónica foi e está a ser a colaboración entre Goberno e Oposición e a proliferación da solidariedade e apoio mutuo entre as persoas para tarefas tan básicas como a compra.

Para os vindeiros meses, pasado o punto álxido da epidemia, cumprirá reforzar os mecanismos de protección social, nunhas zonas xa con alta taxa de risco de pobreza, atender ás consecuencias psicosociais do illamento e do medo e da incerteza padecidas durante a crise (a maioría de persoas maiores infórmase vía TV) e actuar decididamente sobre as carencias do medio rural, tendo en conta o contexto da crise ecolóxica, que fará de determinadas zonas rurais un lugar de esperanza.

Se agora semella que somos un lugar idílico para o retiro durante unha crise puntual, sen o debido control das afluencias externas que propagaron aquí o COVID-19, non deberiamos ser un lugar onde vivir con dignidade e onde sexa posíbel construír futuro?

Antom Fente Parada, concelleiro de Por Chantada-CUP

Paula Vázquez Verao, concelleira de Agroma Sober

comentarios