Opinión

Enredadas nos coidados?

E n reunión virtual recente da agrupación Agroma Sober constatamos, unha vez máis, a difícil conxunción entre participación política clásica e coidados.

En maio de 2019 saímos nos titulares por facer candidatura ás municipais integramente de mulleres, usando ao noso favor o feito de que a norma que obriga á paridade de listas electorais non rixe aínda nos municipios de menos de tres mil habitantes.

Así, o obxectivo era fomentar a participación política feminina e denunciar as persistentes desigualdades, sobre todo no eido laboral e de reparto de traballo de atención a menores e dependentes. Seguimos constatando que a practica totalidade de nós temos dificultades para facer efectiva a nosa militancia e atender aos nosos quefaceres, remunerados (en precario) ou non. Á que non ten que coidar da súa nai, fáltanlle mans para atender as fillas ou axudar á familia no coidado de maiores. As palabras do noso manifesto recobran relevancia cando esta crise do coronavirus ameaza, como sempre, os avances en igualdade de xénero en forma de perda de empregos femininos e aumento da carga de traballo no fogar, sen que se vexa horizonte de incremento substancial dos sistemas públicos de benestar.

"É necesario visualizar o que está supoñendo a crise e os recortes para as mulleres: máis horas de coidados a persoas maiores, dependentes e á infancia. Por iso, son necesarios máis servizos públicos de atención social e, tamén, un reparto corresponsable das tarefas de coidados, dignificando estes como elemento esencial da sociedade, valorándoos e gañando tempo de ocio e benestar para as comunidades. Moitas veces, as mulleres non participamos máis en política activa porque temos unha dobre ou triple xornada laboral".

Repetímolo hoxe porque nos parece que cada vez máis se acepta, na teoría, esta realidade. Pero que faltan medidas valentes e radicais para entender que a sociedade non será xusta, nin sana, namentres non se equilibre o esforzo que cada quen adica a coidar das demais. A coidarnos.

Comentarios