Opinión

Enfermaría escolar

Na X Lexislatura do Parlamento galego chegou á Cámara unha iniciativa popular sobre a introdución da figura da enfermaría escolar na Galiza para un tratamento axeitado das enfermidades crónicas na infancia no entorno escolar, proposta que tiven a honra de asumir para o seu debate, acompañando o traballo das tamén ex deputadas Flora Miranda e Mariló Candedo.

Sen sorpresas, foi rexeitada pola maioría do PP.

Unha das impulsoras, Maite Peña, explicounos nas reunións preparatorias con gran entusiasmo as vantaxes da enfermaría escolar e, mesmo en termos estritamente orzamentarios, o aforro
-demostrado- que supón a medio prazo investir en saúde.

Daquela non agardabamos un escenario como o que introduce a COVID-19 nas nosas escolas, mais ter avanzado na dotación dos centros con profesionais da enfermaría faría moito máis seguro e sinxelo a volta ás aulas, evitando sobrecargar con funcións sanitarias a un profesorado xa saturado de competencias.

A iniciativa vai moito máis aló dunha atención a situacións sanitarias excepcionais, como as epidemias, senón que se formula como un elemento estrutural que garante os dereitos de todas as crianzas

-tamén as que padecen enfermidades crónicas- a ter un ensino presencial con todas as garantías sanitarias e a aprender a xestionar a propia enfermidade, e o resto do alumnado aprende a convivir con estas patoloxías.

Todo serían vantaxes na inclusión educativa e na prevención da saúde: atención de urxencias máis áxil, programas de hábitos de vida saudable con profesionais da saúde no propio centro, máis campañas de coñecemento de primeiros auxilios… Sería esencial tamén para a prevención de trastornos como obesidade, ludomanía e adicións temperás, así como anorexia e bulimia, e cumprirían un papel esencial na educación sexual.

Agora que somos máis conscientes do papel da enfermaría ante a crise da COVID, apostemos pola súa presenza no contexto educativo, para combater a pandemia hoxe, para mellorar a saúde colectiva do mañá.

Comentarios