Opinión

En reparto

En Sorry, we missed you –película de 2019– Ken Loach relata a progresiva ruína económica e persoal dunha familia golpeada dende a crise de 2008 na que o pai intenta saír adiante asumindo un novo "negocio" que consiste en traballar subcontratado para unha grande empresa de paquetería. 

Dispoñible en RTVE-play até novembro, permite adentrarse no lado humano dos estragos que provoca o brutal sistema do sector do reparto monopolizado polas macro-plataformas. Dende o seu estreo –recente– semella que pasou un mundo, tanto pola pandemia, que aumentou as vendas a domicilio, como pola aposta pola regulación desta actividade en Europa.

No Estado español, a chamada "lei rider" leva en vigor un ano e medio e, aínda que o balance é positivo, non se superaron aínda as duras condicións laborais no sector do reparto. Consolidouse nunha norma que gañara a clase traballadora en sentenzas nos tribunais que condenaban o abuso da figura do falso autónomo. De feito, maioritariamente as grandes plataformas contrataron o persoal que exercía no réxime RETA. Con todo, non todas as grandes empresas cumpriron –aínda que hai pendentes expedientes de sanción–, mantense certo nivel de subcontratación e non se superaron cuestións estruturais como a necesidade de maior regulación laboral no entorno dixital ou que o sector do reparto teña condicións laborais moi duras. De feito, se tes un comercio verás unha rotación frecuente das persoas que choian na túa ruta.

Porque as empresas apreman a provedores para o reparto rápido, porque a competencia baseada na inmediatez pulveriza as pequenas empresas, porque as condicións de traballo no reparto son duras (dende as inclemencias do tempo ao feito de conducir pendente dun horario moi axustado), porque se reparte até os sábados.

Asemade hai algo que convén ter en conta para facer sostible o reparto: non se pode pretender telo todo na porta da casa e para mañá. Non é sostible nin a nivel ambiental nin social.

Comentarios