Opinión

Emprendedoras do rural

Estiven no Mercado de Lugo na Feira de Emprendedoras do Rural organizada polo Campus Terra da USC, magnífica iniciativa que permite dar a coñecer proxectos empresariais diversos de mulleres do medio rural, que conecta "emprendedoras" con novos públicos, mais que tamén reflexionou sobre o que significa pór en marcha empresas en contextos rurais na Galiza.

Tamén tiven ocasión, a mesma semana, de asistir a un evento da Confederación de Empresarios de Lugo en Ferreira de Pantón, e pensar sobre o que significa "emprender no rural", esa frase tan en voga.
En primeiro lugar, baixo a etiqueta emprendemento agóchanse realidades moi diversas: non é o mesmo unha empresa mediana do sector agrogandeiro, apoiada con axudas á innovación dende o inicio, ca microempresas ou persoas autónomas que comezan ese camiño por ausencia de alternativas de emprego estable na súa contorna.

Na zona na que vivo o principal ingreso son as pensións, combinado con certas empresas exitosas e fortemente apoiadas polas Administracións, xunto con casos de éxito individuais de produtos moi específicos, pero con ausencia dun mercado de traballo que evite a emigración de xente moza a outras zonas do País ou ao estranxeiro. 

En Galiza, as persoas autónomas somos o 26% das persoas afiliadas á Seguridade Social, a maioría pola base mínima de cotización. Sucede que, en moitos casos, facerse autónoma, ou "emprendedora", é en certa maneira mercar un posto de traballo para ir cotizando, porque non hai outra oportunidade. Emprender é a moda, pero a gran maioría non acada saídas laborais dignas con esta solución: hai casos de éxito loables, pero cómpre ollar a gran maioría precaria que fai números cada fin de mes.

É marabilloso vivir no rural e montar empresas, mais é ficticio pensar que poden sobrevivir todas e sen apoio. Só no programa EMEGA (apoio ao emprendemento feminino) de 2021 quedamos en lista de agarda, sen axuda, malia cumprir as condicións, 858 mulleres do medio rural con cadanseu proxecto.

Comentarios