Opinión

"É unha Santa"

Recoñezo a expresión en persoas da miña contorna, en xente á que quero, en fin, mais non deixa de molestarme, dígaa quen a diga, mesmo un gandeiro que ten razón en moitas cousas que reivindica. "Mi mujer, que es una Santa, que tiene los mismos derechos que yo, que hace el trabajo cuando no estoy yo, porque esa es una mujer que realmente reivindica sus derechos, saca adelante una familia y trabaja conmigo, hace muchas más cosas que yo", -foi o discurso-.

É triste, ademais, que se convertera en lugar común nalgunhas protestas contra o Goberno a ridiculización das políticas de Igualdade e un motivo para desatar o machismo máis rancio, dende pancartas sobre os xenitais dunha Ministra até as trampas no discurso sobre o "gasto en políticas feministas".

A cuestión é comprender que o feminismo non é apenas unha reivindicación sectorial, senón un cambio socioeconómico, político, cultural... que supón unha revolución no sistema: mudar a estrutura da sociedade que, aínda en 2021 permite que exista unha esfera do traballo non remunerado que suporía por volta do 50% do PIB mundial; unha situación que xera desigualdade de ingresos e de poder. Nese camiño non chega a corresponsabilidade dos homes nas tarefas de coidados e do fogar, pero esta é imprescindible. Que ningún home sinta coma un orgullo ter unha muller que fai "máis ca un", senón coma unha vergoña; que a ningunha de nós nos chamen "Santas", senón que nos recoñezan o valor do traballo.

Non creo que sexa útil ao feminismo ridiculizar a quen siga pensando que dicirnos "santas" é un piropo, mais tampouco calar ante a existencia dunha reacción que supón volver normalizar roles sociais tradicionais, romantizar a maternidade abnegada ou dar carnés de "muller que realmente reivindica os seus dereitos".

O ambiente neomachista vaise estendendo e interpélanos a todas, pero tamén a todos: quen pense que frearemos o ascenso da ultradereita abandonando os avances da loita das mulleres pode ir comezando a contar escanos de VOX.

comentarios