Opinión

Dous mil caracteres

As noites de neno-con-mocos son algo así como o que penso pode ser, nalgún punto, a guerra –sabendo do impropio da comparanza-: horas mortas, “soneira” e carretar o cativo ao lombo, máis esa sensación de irrealidade, de suspensión do tempo, de quen non pode durmir seguido e vai roubando minutos, como debe pasar nas guerras, á espreita de acontecementos.

Hai semanas así, nas que os días van caendo en fervenza sen poder completar as obrigas, prazos, recibos pendentes. Debería ter rematado hai tempo os documentos para entregar un proxecto empresarial ao xurado do concurso que remata hoxe, non fixen chamadas previstas para a semana anterior e, de ter tomado notas nun caderno sobre o que escribir nesta columna non estaría aquí apurando as liñas para cumprir con esta encarga semanal que supón –e eu gratamente agradezo– o retorno positivo de persoas ás que así me manteño pendurada de fíos virtuais.

A teoría e os datos son sabidos: coidar das fillas supón un tempo non remunerado que provoca, de media, un afondamento da diferenza salarial entre homes e mulleres.

Segundo a última Enquisa de Estrutura Salarial do INE, en 2019, as mulleres galegas percibíamos, de media, uns 2.365 euros anuais menos que os homes, pero véndoo por idades, obsérvase a maior desigualdade no grupo de 45 a 54 anos –as mulleres non chegan ao 75% do salario dos homes desa idade-, desigualdade que comeza a medrar entre os 30 e 35 anos, idade media de acceso ao primeiro fillo na Galiza.

Tamén se falou da vixencia da obra de Hochschild sobre a “dobre xornada”, pois vense de reeditar a obra escrita en 1989.

A estatística e o ensaio son fundamentais para o avance da ciencia e das políticas públicas, o relato das casuísticas individuais vainos facendo parte dun estado de opinión que esixirá un mundo máis acorde ás necesidades humanas básicas.

Como quen me le con agarimo non segue a lóxica do produtivismo haberá de desculpar os esforzos por completar hoxe estes case que dous mil caracteres de columna.

Comentarios