Opinión

Disputado voto feminino

O voto das mulleres chegou ás “democracias” tarde e arrastrado polo activismo feminista. Ao ordenamento xurídico español incorporouse no 1931 entre acendidos debates que remataron coa vitoria das teses de Clara Campoamor. Hoxe, non hai debate mais que na demoscopia.

Cando Pablo Iglesias “sinalou” a Yolanda Díaz como sucesora na vicepresidencia había unha clave electoral pouco comentada: o voto de Podemos foi tradicionalmente moi masculino, até o punto de ser unha das súas meirandes debilidades a respecto do PSOE, con apoios uniformes das mulleres en todas as franxas de idade. O BNG mellorou o nivel de voto feminino, feito non alleo ao liderado de Ana Pontón.  

En contexto, a importancia do voto feminino acentuouse para a esquerda dende a irrupción de VOX: unha gran parte das mulleres están(mos) dispostas a votar forzas progresistas que non concorden plenamente co noso pensamento coa única premisa de evitar un goberno con presenza ou condicionado pola ultradereita. Así o confirma unha análise de Endika Núñez e Roke Álvarez sobre os datos do CIS, sinalando que o apoio da esquerda ás mulleres foi análogo ao da dereita até 2004, cos gobernos Zapatero, onde sobre lixeiramente cara a esquerda.

Pero o máis relevante é que se disparan as diferencias dende 2018, ano de grandes mobilizacións feministas e da irrupción de VOX: a fenda chega até un 22% máis de apoio da esquerda entre as mulleres a respecto do apoio xeral.

A evidencia de que o poder da ultradereita supón retroceso de dereitos conquistados provoca unha mobilización electoral feminina dun amplo arco progresista.

Convencer o voto feminino non quere dicir ser feminista ou apostar pola Igualdade -aí está o fenómeno Ayuso-, pero no arco da esquerda política cara as Eleccións Xerais vindeiras será un factor determinante un voto feminino pro dereitos das mulleres: canto de feminista hai e canto de pose verase a posteriori, pero todo actor político que queira pintar algo no Congreso debera telo presente.

Comentarios